Imaxe: Ricardo Liniers Siri

venres, 18 de decembro de 2015

FESTA DE NADAL

Hoxe celebramos a festa de Nadal na Casa da Cultura de Ribadumia. Despois dos obradoiros da primeira parte da mañán, chegou a actuación de Kids&Us: Santa's Elves, en inglés. Logo tocou repoñer forzas coa merenda a cantar as panxoliñas que cada escola tiña preparadas. A visita do Apalpador, que chegou para recoller as nosas cartas (moito que ler vai ter estes días!) e rematamos cunha panxoliña andaluza que puxo o punto final á festa. Moitas grazas ás familias por participar e pola vosa colaboración! Felices festas a todas e vémonos á volta das vacacións o 7 de xaneiro!!








LEVAMOS OS TRABALLOS DO PRIMEIRO TRIMESTRE

Onte levamos para casa a carpeta cos traballos do primeiro trimestre. Non vaiades pensar que está todo aí! Hai moitas cousiñas que aprendemos e que non se traducen en papel! A verdade é que nos gusta moito miralos e ir pasando as páxinas coma se dun libro se tratase. E certamente serve de libro de lembranzas porque aparecen traballos que xa non nos acordaba que fixeramos. Sentade cos vosos pequenos e pequenas a miralo na casa e que vos vaian contando o que alí aparece, xa veredes cantas cousas descubrides!


mércores, 9 de decembro de 2015

XOGANDO CON PAPÁ NOEL

Picade na imaxe e poderedes descubrir unha chea de xogos, con novidades diarias ata o día de Noiteboa!


martes, 8 de decembro de 2015

APRENDEMOS NANAS

A primeira que temos que aprender é a que trouxemos escrita da casa para poder cantala aos compañeiros e que todos poidamos aprendela. E así pouco a pouco estamos aprendendo as nanas que cantan os demais. Temos algunhas que nos enviaron o enlace ao correo do cole e gústanos ver o vídeo e escoitalas. Deixámolas aquí por se queredes cantalas na casa.

O canto de berce de Hugo:


O canto de berce de Oliver:





O RÍO GUADALQUIVIR


Cantando unha canción que xa coñecíamos descubrimos que o río Guadalquivir onde pesca Pinocho está en Andalucía! Miramos no mapa e vimos por onde pasa, onde nace e onde desemboca. Falamos do río que temos moi pretiño do cole, o Umia, e de se algún fora pescar algunha vez e con quen. E aprendimos un anaquiño novo da canción que non coñecíamos. Queredes escoitala?







mércores, 2 de decembro de 2015

CULTURGAL 2015





Esta fin de semana, os días 4, 5 e 6 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra celébrase unha nova edición do Culturgal. Podedes consultar a Programación Infantil e Familiar neste enlace. Música, teatro, libros, ciencia, xogos e xoguetes tradicionais e bebeteca ao longo dos tres días.

Se vos interesa ir en tren, podedes imprimir o bono desconto aquí


OS REIS MAGOS




martes, 1 de decembro de 2015

NANAS NA BIBLIOTECA

Zapatocas apareceu na biblioteca no medio dunha chea de libros e CDs de nanas. Escoitamos algunha, Zapatocas durmiu pero nós tamén! Escoitando os arrolos parecía que viña Pedro Chosco!

Por certo, xa chegaron as nanas que nos cantaban cando eramos pequenos xunto coas fotos. Pero para compartilas temos que sabelas e por iso hai que traelas aprendidas da casiña. Unha moi boa opción é facer un vídeo ou un audio (cun teléfono móbil é moi sinxelo e non leva nada de tempo) e envialo ao correo da escola: escoladeribadumia@gmail.com. Así poderemos escoitalas e cantalas xuntos! Axudádesnos?





ESPANTALLO AMIGO





Esta semana estamos coñecendo a Espantallo Amigo, o protagonista dunha das obras de Xosé Neira Vilas. A nosa pequeniña homenaxe a un dos grandes escritores en lingua galega desde a aula de RibadumiaB.


E aquí vos deixamos a foto do libro Espantallo amigo que nos trouxo Lucía, cunha adicatoria de Neira Vilas e Anisia!



venres, 27 de novembro de 2015

CUMPLE DE NOVEMBRO: LUCÍA FAI 5

Hoxe tocoulle facer a tarta a toda unha veterana reposteira: Lucía! Para celebrar os seus cinco anos convidounos a unha festa sensacional. Parabéns mociña!!!





CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL CONCELLO DE RIBADUMIA

Un ano máis chegounos ao cole a convocatoria para participar no concurso de postais de Nadal do Concello e alá van as nosas propostas.



xoves, 26 de novembro de 2015

EL LAGARTO ESTÁ LLORANDO

Temos un libro novo na nosa biblioteca: 12 POEMAS DE FEDERICO GARCÍA LORCA. Xa comprobamos que tiña o poema Mariposa, que tanto nos gusta. E hoxe aprendimos outro, El lagarto está llorando, que fala dun lagarto e dunha lagarta que choran porque perderon o seu anel de desposados. Falamos de se algunha vez perdéramos algo que nos dera moita pena, mesmo para chorar. Perdemos pelotas, bonecas, un can... 

Podedes escoitar o poema cantado no vídeo e aproveitando o material que vén nesta páxina, adaptamos o poema e escribimos un "tradutor" dos pictogramas que aparecen nel. Xa podemos recitalo sen problema!






O VERME-MANDARINA


Hoxe tocaba froita para merendar e Rodrigo e a súa nai trouxeron unha bolsa chea de mandarinas da árbore da súa casa para que as probásemos. Tantas había que as puxemos facendo unha fila na mesa para contalas e ao acabar collemos un rotulador e debuxámoslle unha cabeciña ao verme-mandarina. Por certo, estaba moooooi boas!!

mércores, 25 de novembro de 2015

XUNTÁMONOS PARA MERENDAR?

E vaia se nos xuntamos! Como se estivésemos merendando con Zapatocas en Cádiz, apareceron torradas de pan con aceite de oliva virxe malagueño, tomate e xamón; pipas e olivas verdes e negras; zume de laranxas e ata un gazpacho probamos! Todo saboroso, compartido cos amigos e amigas do cole. 




venres, 20 de novembro de 2015

XOGUETES: GUÍA AIJU 3.0



Aiju - Enlaces de interés



¿POR QUE ESTA GUÍA ES DIFERENTE?

1. Porque somos una entidad sin ánimo de lucro y no tenemos objetivos publicitarios ni comerciales.
2. Porque probamos los productos y sólo recomendamos aquellos que superan nuestros estándares de calidad.
3. Porque es la única guía basada en estudios con niños y familias.
4. Porque somos expertos en juego e infancia y nos ayudan a probar los productos los mejores colaboradores del país.
5. Porque nuestro objetivo no es vender productos, sino que cada vez se fabriquen productos de mayor calidad, se elijan mejor y se valoren más.

O Instituto Tecnolóxico de produto infantil e ocio vén de publicar a súa nova guía. Se queredes consultala, picade aquí.

CASTAÑOLAS ANDALUZAS



TURRÓN Y MAZAPÁN... A ENSAIAR!!


xoves, 19 de novembro de 2015

PAPÁ NOEL, ELFOS E RENOS

Chegan estas datas e nas conversas da aula aparece continuamente Papá Noel. Canto nos gusta falar de agasallos, de elfos, de renos máxicos que voan... Temos nunha das ventás a aldea de Papá Noel e os seus axudantes...





E se queredes coñecer a historia de Rodolfo o reno, mirade o vídeo.











mércores, 18 de novembro de 2015

NANAS, ARROLOS E CANTOS DE BERCE

Novembro, mes da tradición oral, vén cargado de nanas para os máis pequechos. Pedimos a vosa colaboración para facer unha compilación e elaborar un libro de cantos de berce. Hoxe xa chegou o primeiro á escola de Ribadumia. Tedes as instrucións no blog do CRA neste enlace.






E se queredes coñecer ou escoitar arrolos, picade nos enlaces e nos vídeos.









































martes, 10 de novembro de 2015

LOS COLORES DE ANDALUCÍA



Amarelo, verde, vermella, azul, branca... todas esas cores ten Andalucía e grazas a este poema-adiviña fomos descubrindo onde están esas cores: no sol, nos xirasois, o campo, as olivas, os caraveis, as granadas, o ceo e o mar, as casas e a súa bandeira. Sabedes que xogando cos gomets aprendemos a recitala moito mellor? Mirade na primeira páxina!

AS OLIVEIRAS DE SAN XOÁN DE LEIRO

Mesmiño pegadas á igrexa, moi pretiño da escola de Leiro, atopamos ata catro oliveiras cargadiñas de olivas. Quixemos ir merendar á sombra delas pero o tempo non acompañou, así que fomos de paseo e observamos e tocamos as árbores, miramos as olivas de diferentes cores e quedamos en contar na casa o que alí descubrimos hoxe.





venres, 6 de novembro de 2015

NANA PARA DORMIR A UN VAMPIRO


O libro Versos de cuento tráenos unha Nana para dormir a un vampiro. Falamos de que é iso das "nanas", para que serven, a quen van dirixidas e se sabiamos algunha. Hugo cántalle ao seu irmán, Oliver á súa irmanciña e Rodrigo aos seus curmáns xemelgos para que durman. E a nós tamén nolas cantaban de bebés. Lembrámolas, cantámolas con voz suave "porque senón espertan os bebés" e despois cantamos a do vampiro.



No mesmo libro atopamos unha fadiña durmida co canto dunha ra...Shhhhh....